Menu

Historia

Historia

O 24 de xullo de 1948 tivo lugar a 1ª Singradura da “Festa da Dorna” de Ribeira, celebración declarada de “Interese Turístico de Galicia” no 2005 e “Festivo Local” para o ano 2017 por decisión plenaria municipal en

Historia[editar | editar a fonte]

O 24 de xullo de 1948 tivo lugar a 1ª Singradura da “Festa da Dorna” de Ribeira, celebración declarada de “Interese Turístico de Galicia” no 2005 e “Festivo Local” para o ano 2017 por decisión plenaria municipal en 2015 (sic). Dende a súa fundación, ten como sinais de identidade a imaxinación nas actividades, a participación e o humor matizado pola ironía retranqueira, todo nun aparentemente caótico e carnavalesco fluír festivo,“a marea dorneira”. Nese ambiente festeiro ateigado de ”capachos” de ledicia, a cultura popular materialízase chea de modernidade e tradición.

Dende os seus inicios, en anos de ditadura e autarquía, ata a actualidade, a festa navega pola historia capeando temporais ao igual que a embarcación que lle da nome. A dorna, embarcación, dise dela que “é moi mariñeira”; “A Dorna”, a festa, “é a máis rachada”, a máis rompedora, cantan no seu himno. A festa que reuniu no seu primeiro ano a unhas ducias de veciños e veciñas é hoxe punto de encontro e lecer de miles de persoas chegadas dende toda Galicia e cada vez máis coñecida e recoñecida en toda España e máis alá.

As orixes: unha rifa e unha broma

Nace o 24 de xullo de aquel ano e como todo parto tivo previamente a súa allada e as súas dores ou inevitable “colloada”. A “allada” tivo como “armador” a un boticario, D.Emilio Fernández de Sanmamed que o día da festa da Virxe do Carme, “única e verdadeira”, o 17 de xullo, ocorréuselle contar, a quen quixo escoitar, que el era o gañador do sorteo dunha dorna que se rifara con obxecto de recadar cartos para esa festividade organizada pola confraría de pescadores da localidade e que para celebralo ía facer unha festa cos amigos. A “colloada”, lío, sucedeu porque en realidade o que tiña a rifa gañadora era outro, un pescador de “robalisas e polbos” ao que non lle gustou a broma, pero a cousa non chegou a máis. O que si continuou foi Don Emilio, xunto cos seus amigos, coa idea de celebrar a festa pola dorna que en realidade non gañara,e así crearon a “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna” para organizar o 24 do mesmo mes, véspera do día do Apóstolo, a “Fiesta de la Dorna” con dous actos centrais, e outros colaterais, a destacar, a celebración dunha “festa asalto”, baile con música de discos, na cafetería La Granja,no barrio de “A Amarella”, despois da “solemne botadura” da dorna “Virgen del Carmen” que nesa ocasión foi unha pequena maqueta engalanada e coa vela “ao terzo” izada; a “botadura” realizouse na praia de Colomer, a “praia dos porobiños”, con toda a reducida pero ocorrente comitiva traxada como era mester en tan importantes eventos. Houbo discurso,”madriña”, botáronse“foguetes” e a festa seguiu con baile ata o amencer a ritmo de cancións de moda reproducidas por un “pin up” Telefunken.

Do 1948 ao 1959

A primeira “directiva” da Festa o “Alto y gordo estado mayor”, como se lle chamará máis tarde, estivo formada por: “Armador primeiro”, Emilio Fernández de Sanmamed Hermo,“Segundo de abordo”, José Bouzas Martínez, “Almirante”, Ventura Suárez Saíñas, “Sobrecargo”, Julián Elorduy Álvarez, “Notario maior”, Constantino Cobas Álvarez, “Silveireiro maior”, José González Abelleira, “Coheteiro maior”, Juan García Lemiña e “Grumete”, Manuel Cores Cores.

Serán eles os que durante unha década encargaranse da organización da festa, aínda que seguiron participando e “botando un cabo”, colaborando, durante moitos máis.

A partir da 2ª singradura (1949), o baile celebrouse na “Sala de Fiestas Cambeiro”, coa participación de varias orquestras en cada ocasión, xa que a duración non era inferior ás 6 horas ininterrompidas de música e bo ambiente.

Será a partir de 1952 que se comece co sorteo e doazón de dornas, embarcacións de pequeno tamaño para pesca e marisqueo artesanal, a pescadores de poucos recursos para proporcionarlles un medio para poder gañarse a vida. A madriña da primeira dorna doada foi Carmenchu, filla de Alejandro Pérez Colomer, a mesma que a da maqueta do 1948, e o nome da embarcación “Virgen del Carmen II”. Dende aquela xa se institucionalizou a doazón de, cando menos, unha dorna ao ano; a idea partiu de Pepe Bouzas, “segundo de abordo”, e tivo gran éxito, pois nos anos seguintes da década doáronse 3,4 e ata 6 dornas grazas ao apoio de empresas locais ou de outras relacionadas con Ribeira. Destacar ao empresario Tomás Busóms Mascláns como máis sobranceiro mecenas solidario neses tempos. Dende 1952 ata os setenta sempre houbo cando menos unha dorna para aquel fin co recadado durante a Festa, despois seguiu realizándose nalgunha ocasión pero a necesidade era menor e o sentido social foise canalizando cara outras accións.

A programación festiva da primeira década concretou unha serie de actividades, ritos e símbolos que deron identidade á Festa ao longo da súa dilatada historia: A entrega da “flor natural” aos confrades, o “Exame de patróns” para a admisión de novos membros na “ Real e Ilustre Cofradía de la Dorna” na que era e segue sendo indispensable o correspondente suborno, o “Top Secret” ou actividade de rúa na que se ironiza sobre un suceso sinalado da actualidade local ou mundial, tamén a entrega de “poutadas”, insignias con forma de ancora tradicional, de ouro ou prata a destacados confrades e principais mecenas e o “Baile de Gala” que ata os oitenta era a actividade central con ata uns 1.500 asistentes en moitas das súas edicións. Todo contado nun programa, “Caderno de bitácora”, cun planeamento cheo de humor, ironía e orixinalidade no que se recollen as actividades de cada singradura.

Xunto a aquelas actividades xa “clásicas”, dende os cincuenta outras de tipo máis “cultural” como Exposicións de Artesanía, na que destacan as celebradas dende 1958 a 1960, regatas de dornas a remo ou vela, concursos de debuxo para anunciar a festa ou as “sardiñadas” e misas polos confrades xa falecidos complementaron a programación deses tempos.

Do 1960 ata o final da ditadura

No 1960 unha nova comisión faise cargo da festa presidida por Lisardo Valeiras Bravo, completándose cos vocais Joaquín Otero Fernández Victoria, Arturo Valeiras Alvite e Perfecto Valeiras Alvite; significándose como colaboradores e colaboradoras, José María Rivas Colomer, Manuel Cores Cores, Albino Valeiras Poch, Joaquín Santos Pérez, María Luisa López Valeiras, Marisa Fernández de Sanmamed, Blanquita Ricoy de Borbón, Fidelina Cobas Álvarez e Elisa Mariño Paz.

A programación destes anos continúa a realizada na década anterior sendo de destacar a actuación da orquestra “Los Tamara” en 1968 no “Baile de Gala”; o dificilmente igualable humor de Julio Bravo nos “Exames de Patrón” como examinador ou candidato e nos “Top Secret” como actor principal en distintas propostas das que o foguete “Dornaward 1-X-2” destacou pola súa espectacularidade.

Do final da ditadura ata a transición

Nos derradeiros anos da ditadura e inicio da transición democrática un novo grupo de xoves confrades toma as rendas da organización. Sinalar a listaxe que figura nun libro de contas da Festa de mediados dos setenta nos que se citan a algúns dos principais integrantes deses anos: Alejandro Llovo Pérez, Jesús Mariño Míguez, Vicente Colomer Fariña, Daniel Bravo Cores, Antonio Picher, Ignacio Lens, Francisco Ruíz, Francisco Pereira, Cipriano Millet e Julián Álvarez.

No programa deses anos dase relevancia ao “Top Secret”, no 1977 celébrase o “Iº Campeonato de Chin chi Money” e o baile seguirá a celebrarse na Sala Cambeiro que pechará neses anos por reformas para intentar adaptarse aos novos tempos nos que a música disco terá maior predicamento. Os setenta foron os últimos de esplendor do Baile e da Festa seguindo o formato “clásico”.

Os anos oitenta

As dificultade para atopar un local axeitado para celebrar o baile, para implicar xente nova disposta a organizar algo que precisaba renovarse en sintonía cos novos tempos e os distintos gustos dos oitenta, dou lugar a que a festa vivise un curto período de certa decadencia pero manténdose viva grazas a antigos confrades, encabezados unha vez máis por Lisardo Valeiras e co apoio de Tino Cobas ou Manolo Cores, entre outros , continuando co baile pero xa con éxito máis reducido na Discoteca Samanthas ou no local do “Círculo Mercantil”,mentres a cuadrilla de rapaces de O Rueiro facían algún “Top Secret”, pero maioritariamente os mozos e mozas orientáronse a festas de cuadrilla, así na “Horta da familia Ruíz” ou na “Horta do Abadiño” distintos grupos de xoves reuníanse para celebrar o día. No 1984 a A.C. Vionta, dentro da “Semana do Mar” do concello, organizou varias actividades de rúa recollendo a tradición dorneira, como o “Top Secret”, o baile de ”entrenamento” na praza do Concello ou a rifa dunha maqueta de dorna “Virxe do Carme”, así como xogos para nenos.

Da remodelación de 1988 á actualidade. As peñas dorneiras

No verán de 1988 iniciase un novo modo de organizar a Festa coa creación das “peñas dorneiras”. A iniciativa parte dun grupo de xoves que en anos anteriores destacaran pola organización de múltiples actividades culturais e deportivas formando parte da “A.C. Vionta” aos que uníranse outros que participaran en festas de cuadrilla na “Horta do Abadiño”, contando tamén coa aceptación e apoio de antigos confrades.

O fin de semana anterior ao 24 de xullo dese ano houbo a primeira “Asemblea de peñas” na taberna da señora Ramona “A Caseira” en Bandaurrío na que estiveron presentes representantes das que serían as peñas fundadoras: “Cajaboy Island”, ”Os Cabuxos do Mar”, ”Berberechos Asasinos”, “Pedra Pateira”, “As Parrochiñas da Ría”, “Kirie Eleisón”, “Os Petóns”, “Chopitos and Tramallos Corporation”, “As Fanecas bravas e os sinco fodonsiños”, “As nasas” e “Os lorchos”.

A ”casa das almas boas”, recollendo a tradición dun lugar de xuntanza para confrades en datas pretéritas (a primeira foi a de “Carmen a pava” na actual rúa de Galicia, e despois a de “Maruja” na rúa Rosalía de Castro), onde se distribuíron as primeiras camisetas foi na “fanequeira” ( bar ou taberna) “O Cotobado“, na rúa de Galicia, rexentada daquela por Manu Mariño.

Son nomes propios a destacar nos inicios da remodelación da Festa os de Juan Carlos Iglesias, Santiago Páramo, Marcelo Valeiras, Vicente Sánchez, Ricardo Llovo e os seus irmáns Alejandro e Gustavo, Daniel Fandiño, Toño e Suso Callón, María Cores, Moncho Muñiz ou José e Ramona Alborés, entre outro e outras.

A programación do 88 distinguiuse do de edicións anteriores no modo de organizarse e na prominencia que se lle deu ás actividades de rúa e participación (“Top Secret” con crítica paródica da quita de area das dunas de Olveira, “Exame de patróns” con fondo de lancha de contrabandistas, “Jran sardiñada” e “Campionato mundial de chin chi monis” e a “Festa Asalto” no “Callejón”, rúa da “movida” naqueles tempos… Ese ano,debido ao mal tempo, a celebración alongouse a dous días, 23 e 24 de xullo, premonitorio do que en singraduras posteriores sucedería ao irse ampliando o número de actividades e o espectacular éxito que tivo o novo formato.

No 1991 legalízase a A.C. “R.e I. Cofradía da Dorna” para dar cobertura legal e liderar a consolidación e organización da festa, acceder a axudas públicas e promover accións encamiñadas á protección e divulgación da embarcación tipo “dorna”, contando aos poucos meses con máis de seiscentos socios e socias.

 

Organización

Da Real e Ilustre Cofradía da Dorna (1948) á A.C.”R.e I. Cofradía da Dorna”(1991).[editar | editar a fonte]

Na súa fundación, no ano 1948, a “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna” ata a legalización no ano 1991, foi unha organización informal que se encargaba de organizar a festa, como obxectivo principal, e algunhas outras actividades de carácter festivo, solidario e/ou cultural.

No 1988 créase a Asemblea de Peñas Dorneiras, tamén co mesmo carácter que a “Cofradía de la Dorna” pero máis axeitada para a nova dinámica festeira, integrándose nela as distintas peñas que foran creándose de modo espontáneo entre a xente interesada en participar de modo activo na Festa.

No 1991 legalízase a A.C. “R. e I. Cofradía da Dorna” co obxecto de ter cobertura legal, poder acceder a achegas públicas, mellorar a organización da Festa e promover actividades a prol da recuperación, protección e divulgación das embarcacións tipo dorna e outras accións de carácter socio comunitarias e culturais. Na actualidade, 2016, a asociación conta con máis de 900 socios e socias.

A directiva organízase en equipos de traballo para atender aos distintos requirimentos para a mellor xestión da asociación e da Festa. Ademais de secretaría e tesourería, tamén hai grupos para xestión da “Escola de vela”, xestión das redes sociais, merchandising, equipamentos, limpeza, seguridade, programación de eventos solidarios e actividades da Festa. No 2016, 33 persoas forman parte da xunta directiva.

Os presidentes/as da A.C. “R. e I. Cofradía da Dorna” elixidos en asembleas de socios ao longo dos seus 25 anos de historia, dende a súa legalización ata 2016, se citan a continuación en función do primeiro ano no que o presidente ou presidenta liderou a organización da festa:

  • 1991-1993 Santiago Páramo.
  • 1994-1999 Marcelo Valeiras.
  • 2000 Adrián Sarasquete.
  • 2001 Francisco Millares.
  • 2002-2004 Eduardo Iglesias.
  • 2005-2006 José Pazó.
  • 2007 Josefa Otero.
  • 2008-2009 Francisco Riaso.
  • 2010-2011 Arturo González.
  • 2012-2013 Jacob Moraña.
  • 2014-2015 Eduardo Iglesias.
  • 2016 Narciso Fernández.

As peñas dorneiras (Dende 1988 ata a actualidade)

As peñas son organizacións informais de xente que se reúne e participa activamente na Festa. Para formar parte da Asemblea de Peñas o seu patrón ou patroa debe superar o “Exame de Patróns”, e a peña colaborar na organización da Festa e participar cando menos nalgunha das distintas actividades. A relación de peñas faise cada ano xa que hainas que duran só unha edición e outras que participan dende o 1988. No 2015 anotáronse 88 peñas cun total de máis de 4000 integrantes.

Se ben no 1988 as peñas distinguíanse polo seu nome e pano, xa que a camiseta era branca para todas, xa dende o 89 as camisetas podían ser de outras cores. Así pois, as peñas diferéncianse polas cores do pano e camiseta e polo seu nome que debe ter referencia ao mar pero con inspiración festeira ou humorística, algúns exemplos: “Os sen tolos de Lajareu”, “Marajotas fusiñudas”, “As lampreas máis preas”, “Tabeiróns caralludos”, “Muxo Beti”, “Estou que eskacho”, “Boi de putas”, “Os ratos da illa”, “As fanecas bravas e os sinco fodonsiños”, ”As pirañas van de cañas”, “As luras andan duras”,”Rape´s”,”Carallos de rei”, “A tuna nejra”, “Os pintos joden quintos”, “Caracolas en sirolas”, “A miseria dos tallantes”,…

Para que unha persoa forme parte dunha peñas non precisa máis que solicitalo, normalmente teñen abonar unha cota para os gastos comúns incluíndo a indumentaria básica e custos de materiais para facer os aparellos (carrilanas, artefacto voador, embarcación feita á machada ) das diversas actividades.

As peñas non aportan directamente ningún tipo de cota para a organización da Festa pero dende hai algúns anos, co obxecto de mellorar o programa festivo, algunhas, as menos, dedican unha parte do seu fondo para axudar ao orzamento global.

As once peñas fundadora do 1988, xa citadas, agrupaban a un total dunhas 300 persoas.

A Asamblea de Peñas Dorneiras (1988) ata primeiros dos 1990 era liderada por aqueles que foron, entre outros e outras, os principais impulsores da remodelación festeira: Carlos Iglesias, Santi Páramo, Marcelo Valeiras, Ramona e José Alborés de “Cajaboi Island”; Ricardo e Alejandro Llovo e José Domelo de “Os Cabuxos do Mar”; Vicente Sánchez, Daniel Fandiño e Moncho Muñiz de “Pedra Pateira”; Gustavo Llovo, Juan Luís Martínez e Luís “o Xanico” de “Os Berberechos Asasinos”; Toño Callón e María Cores de “Os Petóns”; as “Eroliñas” e Conchi Bravo de “As parrochiñas da ría”; Cibrán Paz, Josema Suárez e Josefa Cuní de “Os Polbos do Vilar”; Miguel Rodríguez, Lito e Tiago Méndez de “Os lorchos”; Luiso Páramo, Fernando Pazos e Chus Cobas de “As Fanecas bravas e os sinco fodonsiños”; Irmás Jenaro de “As nasas”; Montse Santos de “Tramallos and chopitos corporeixon”; Ana Domínguez e Fuco Antas de “Kirei eleisón”; Benito Guillén e Salvador de “Os queimacasas van de tasas”…

 

Actividades

Actividades máis significativas do período que vai dende 1948 ata 1987

Baile da Dorna ou Baile de Gala

Sen dúbida, a actividade máis relevante ata a creación das “peñas dorneiras” foi o Baile da Dorna” que na súa primeira edición en 1948 organizouse baixo a fórmula de “asalto-baile” (baile con música de tocadiscos) na cafetería “La Granja”.Será a partir do 1949 que se celebre con dúas ou máis orquestras na Sala de Festas Cambeiro ata finais dos setenta. Nos oitenta na sala Cambeiro transformada en discoteca, Discoteca Primera Línea, no campo de fútbol de “A Fieiteira” e finalmente no Círculo Mercantil.

Dende os 50 o baile denomínase “Baile de Gala”, aínda que non sempre, por exemplo con motivo do 20 aniversario chamouse “Baile do aniversario”. A maioría dos asistentes coñecíano coma ”o baile da Dorna”. Compre non entender o de “Gala” en sentido literal por canto a ironía é o eixe no que xiran case todas as actividades. Os requirimentos na vestimenta non ían máis alá de entrar con garabata, aínda que despois non había que mantela posta todo o baile, ou non entrar con pantalón vaqueiro en tempos que este se asociaba con roupa demasiado informal. O certo é que aínda que era unha data que algunhas mozas aproveitaban para facer a “posta de largo”, a semellanza con ese tipo de eventos era pouca en canto a formalismo e ambiente festeiro.

Dende as ducias da primeira edición ata os 1500 asistentes de finais dos setenta, o baile foise consolidando como un evento importante na bisbarra naqueles tempos. Durante a ditadura era unha data na que se podía estar de festa dende as 24:00 ata as 6:00, o cal animaba a asistir como celebración nunha especie de “baile de fin de ano” no verán. Dende finais dos setenta, primeiros dos oitenta, o baile caeu progresivamente en decadencia, recuperando certa vitalidade dende o 89 e nos noventa , e continuidade a partir do novo século pero sen ter a relevancia doutros tempos. Nos primeiros anos das peñas eran “Os polbos do Vilar” os que levaban o peso da organización. No 2015, xa como cea baile, congregou a máis de cincocentas persoas no Salón de Eventos ”Baiuca”.

A admisión de novos confrades, os Exames de Patróns

Co obxecto de admisión de novos e novas “cofrades” á informal “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna”, era tradicional a realización dun exame, en clave humorística, que non sempre recibía ese nome e no que era indispensable subornar ao tribunal. O exame tiña un slogan relacionado con algún tema de actualidade e con sinxela pero efectiva ambientación segundo acordasen: o cine, o programa “Un, dos,tres responda otra vez” ou o descubrimento de América. Como gran examinador hai que citar a Julio Bravo, “o que ía para químico e que acabou en cómico” como el mesmo dicía, ou “o rei do chiste rápido” como acertadamente foi cualificado por Antonio Novo na obra Ilustres Anónimos.

Top Secret

Non sempre se chamou así, pero dende o do foguete 1-X-2, a comezo dos sesenta en plena carreira espacial e crise dos mísiles na guerra fría, o “Top Secret” era a habitual maneira de chamar a unha actividade de rúa que parodiaba algún acontecemento relacionado coa actualidade e que o dalgunha maneira envolvíase no misterio ata a súa realización. O primeiro tivo por tema unha parodia do descubrimento de América no 1949.

As principais actividades dende 1988 ata a actualidade

As actividades citadas anteriormente seguen a celebrarse na actualidade con distintas remodelacións: O “Baile de gala” non é o 24 de xullo, senón días despois. O “Exame de patróns” é para a admisións de peñas no que o que se examina é o candidato ou candidata a patrón ou patroa de cada nova peña. O “Top Secret” é unha actividade multitudinaria, máis de 4000 participantes na última singradura, na que participan todas as “peñas” nun desfile pasa corredoiras no que, ao tempo, faise crítica e parodia dun feito de actualidade local ou xeral. No “Top Secret” é onde pode verse toda a dimensión da “marea dorneira” o 24 de xullo polo serán.

Dende 1989 foron engadíndose novas actividades de participación que fan da Dorna un dos maiores e máis orixinais eventos festivo populares de Galicia. As protagonistas en todas elas son as Peñas Dorneiras que non só compiten amigablemente entre elas, senón que tamén elas colaboran na súa organización. Deste xeito espectáculo e participación sintetízanse nunha das meirandes festas populares de Galicia.

Deseguido refírense as principais indicando o primeiro ano en que se realizaron tendo todas continuidade dende aquela data. Tamén se sinala o día do mes en que normalmente se celebra, o lugar ou lugares principais do evento e hora de inicio.

Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo. Jran Premio Cuttre Sark

Dende 1989. Saída do porto de Ribeira e regata na Praia de Coroso. 24 de xullo ás 12:57 h.Teñen destacado pola orixinalidade embarcacións construídas polas peñas “Kirie Eleisón”, “Non me líes o palangre”, “Os Berberechos asasinos”, “Os pintos joden quintos”, …

Serimonia de Inisiasión

Dende 1990. O primeiro día da Festa fanse actividades nas propias peñas para valorar as “aptitudes dorneiras” dos novos e das novas peñeiros/as. Ultimamente tamén se inclúe unha actividade de inicio da Festa a cargo de pregoeiro destacado.

Sertame Itinerante de Cansión de Tasca

Dende 1990. Trátase de facer un percorrido por distintas “fanequeiras autorisadas” interpretando canda peña, cando menos, unha cantiga tradicional e outra orixinal. Sábado anterior ao 24 de xullo, agás se cae en 23 que se celebra o sábado anterior a ese. Final en palco ao aire libre o 23 de xullo. Horario de día das fanequeiras, dende as 21:03 atas as 00:33; a Final ás 21:04 o día 23. Algunhas peñas memorables foron ou son “Berberechos Asasinos”, “A miseria dos tallantes”, “Os ratos da Illa”, “Muxo beti”, “Estou que eskacho”,…

Jran Prix de carrilanas

Dende 1990.Exposición de carrilanas no porto dende as 17:18 . Saída do “Alto da Mámoa” ata a praza do Concello , ás 20:19. Domingo anterior ao día da Dorna. Importa máis o bo humor e a orixinalidade que a velocidade. Moi celebradas as carrilanas de “Os Ratos da Illa”, “Boy de putas”, “Pinto, pinto jorjorito”, “Caracolas en Sirolas”, ”De rape mental”, “Comando dorneiro” …

Enjalanamento de Fanequeiras

Dende 1990. As “fanequeiras” , locais sociais das peñas, normalmente establecementos de hostaleria,decóranse polas peñas o primeiro día da festa, o venres anterior ao día da Dorna. Ollo, os “enjalanamentos” poden verse dende as 18:03 pero a maioría ás 22:08 xa desapareceron, unha mágoa porque hainos de moito mérito. Teñen destacado “As parrochñas da ría”, “Atún ao tun tún”, “Asedías que non sarjo”, “Os tabeiróns Caralludos”, “Arría o jallo”, “Estou que Eskacho”…

Jran Premio Ícaro de Vó sen Motor

Dende 1991. Porto de Ribeira. 23 de xullo. Dende as 19:27. Dende o espigón portuario ocorrentes aparellos voadores e destemidos peñeiros e ousadas peñeiras tratan de vencer a lei da gravidade o maior tempo posible ata amarar nas augas da dársena. Teñen destacado “Arría o jallo”, “Caracolas en Sirolas”, “Muxo beti”, “Os Pintos joden quintos”,…

Romaría das Peñas

Ten como antecedente as sardiñadas que se celebraban o 24 de xullo no Campo da Feira ata os anos noventa, despois optouse por facer unha Romaría das peñas que da comezo no merendeiro da praia de Coroso ao remate da “Rejata de Embarcasións Feitas á Machada”. Na Romaría Dorneira cabe destacar o Campionato Mundial de Chin Chi Monis que é unha cita obrigada dende a segunda metade dos anos setenta. 24 de xullo. Dende as 14:37.

Xojos Dorneiros

Dende 1989. Distintos xogos ideados polas peñas que se celebran o 24 de xullo, cando a Romaría, ou nos días dos xogos populares de mar e terra. ”Isar a candorca”, “Lansamento de risón”, “Achikeitor” ou “Pesca do muxo radioactivo” son algúns dos xa tradicionais.

Encontro dos Xojos Populares

Dende 1990. Máis de medio cento de xogos populares de terra e mar celébranse en dous días da Festa. Os de terra na praia de Coroso o sábado anterior ao día da Dorna, e os de mar o 23 de xullo no porto. Dende as 16:24.

Jran Juateque Dorneiro

Dende 1995. Recolle a tradición do primeiro Asalto baile do 1948. No 95 realízase como medio de financiamento para a festa. Hoxe é un evento multitudinario e de balde que se realiza nos dous últimos anos en varias prazas de Ribeira, despois de ter distintas localizacións noutros anos, sempre con masiva afluencia de xente. O primeiro destas características celebrouse no local do Restaurante “Santa Eugenia”, na rúa do mesmo nome.

Maratasón

Dende 1998. Conxunto de probas disparatadas por equipos nos que se conxugan habilidade, velocidade e resistencia, na que debe facerse un duro percorrido por distintas “fanequeiras”. Importante a colaboración para superar as probas. Un dos días da festa a partir das 19:51. Rúas de Ribeira.

Macroqueimada.

Dende o novo século. Actividade que está na actualidade remodelándose como” noite do lume” con actuacións específicas e fogos artificiais. “As lampreas máis preas” é a peña que xa por tradición organiza a queimada. Habitualmente o 22 ou 23 de xullo partir das 23:01.

A música na Festa.

Antes do 1988 a música de orquestra era a principal protagonista dos festexos. Co novo formato serán as charangas as que dean identidade e singularidade á Dorna. A mítica charanga NBA de A Coruña durante os noventa e hoxe Os Kilomberos de Monte Alto destacan entre as agrupacións que participaron nas distintas singraduras. Progresivamente na medida en que o presuposto foi sendo maior novas iniciativas puideron pórse en marcha e así creouse o RockanDorna, que dende 1992 é un festival de música ao aire libre no que dáselle a oportunidade a novos grupos, na súa primeira edición debutou “Herederos de la Cruz” e o ano seguinte xa como “Heredeiros da Crus”. A “Pelea de jallos. Concurso de Jip Jop” ten moito éxito entre a mocidade máis nova, con participación de rapeiros e rapeiras locais e convidados. Tamén dende hai anos ven pechando os actos da festa o chamado ”Consiertaso” no que teñen actuado grupos musicais, non orquestras de baile, como Os Diplomáticos de Monte Alto, Lamatumbá, Astarot, Jabón Blue, Riff-Raff, Los Planetas, etc. e no 2015 “A Jran Ópera Prima Dorneira”con máis de 5000 asistentes e na que participaron destacados artistas locais conseguindo un éxito rotundo entre propios e estraños. O “Consiertaso” ten o seu momento máis álxido e remate coa interpretación do himno Dorneiro.

Charangas e variedade de estilos musicais danse cita na actualidade en Ribeira durante os días da festa con micro concertos e actuacións en pequeno formato.

Outras actividades

No 2014 e 2015 promovéronse novas actividades a engadir ao programa e que polo seu resultado parece que van ter continuidade: Ruta de tapas, Mostra de Artesanía, Trinautlón Dorneiro, Festa das Culturas,….

No camiño quedaron moitas outras actividades que non tiveron continuidade, pero iso non desanima a seguir intentando facer da festa algo vivo e en constante procura da innovación.

Os premios e agasallos

Nas actividades dorneiras non hai premios en metálico. Durante moitos anos eran dornas ou outros elementos como medallas ou pratos nos que se gravaban a flor natural ou o perfil dunha dorna a vela, nos últimos anos os premios son máis variados e deseñados maioritariamente por artistas e artesáns locais. As actividades principais teñen premios con deseños específicos para cada actividade. Entre os deseñadores e deseñadoras dos trofeos cabe citar a Jontxu Argibay, Eva Callón, Paulova e José Caamaño ou Esther Toxo.

Na edición de 2014 creouse a “Copa da R.e I.” para premiar a aquela peña que ten destacado máis no conxunto de actividades en función dun ranking de puntos recibidos segundo as clasificacións que obteñen nos distintos xogos. Tamén se puntúa o responsabilizarse na organización das probas. As peñas gañadoras das dúas edicións celebradas foron:

  • 2014 Arría o jallo.
  • 2015 Estou que eskacho.

O viveiro dorneiro. A escola de formación para os rapaces e rapazas dorneiros

No ano 2014 crease o Viveiro Dorneiro, unha iniciativa de formación tipo campamento urbano de verán que promove a A.C. “R. e I. Cofradía da Dorna” durante todo o mes de xullo con actividades relacionadas coa festa e orientadas aos nenos e nenas que queren aprender a ser dorneiros. Os seus contidos e actividades son orixinais respecto a outros “campamentos” deste tipo por canto a maior forza de inspiración é adaptación das actividades dorneiras para os máis novos. Máis de medio cento de rapaces e rapazas teñen participado en cada unha das dúas edicións celebradas ata o momento.

A promoción da festa

O boca a boca foi a forma en que a Festa da Dorna conseguiu situarse como unha das principais festas de Galicia. Os medios de comunicación tamén tiveron un papel importante e, de feito, múltiples emisoras de radio, medios de prensa impresa e canles de televisión autonómicos e de cobertura estatal teñen divulgado as actividades dorneiras en distintas reportaxes.

A Festa tamén participa en distintos certames promocionais como feiras de turismo ou encontros de embarcacións tradicionais.

Hoxe en día un medio fundamental de promoción e coordinación é o uso das redes sociais, sendo Facebook, con case 7000 seguidores, o máis destacado; pero tamén Twitter, Instagram ou Whatsapp son ferramentas xa habituais tanto para anunciar a Festa, como para facilitar e axilizar a súa organización.

Como mesmo fin, cada ano convócanse os concursos de deseño do cartel , Concurso “Salvador D´Aquí”; e o da imaxe que levará impreso o suadoiro de cada edición, Concurso “Jata Ruín de la Prada”. Son certames abertos á participación de quen o desexe, sendo o único premio o ser gañador ou gañadora dos mesmos e ver divulgada a súa obra. A elección dos deseños realizase por votación en Asemblea de Peñas tamén tendo en conta os votos recibidos nas redes sociais.

Algúns dos gañadores máis destacados en distintas edicións do “Jata Ruín de la Prada” foron: Xavi Seco, Andrés Regueira, Javi Falque e Narciso Fernández.

No deseño dos carteis teñen destacado nos primeiros anos das peñas Mario Pena e José Alborés. Dende que se convoca o premio “Salvador D´Aquí” os máis premiados foron Xavi Seco e Jesús Miniño.os gañadores das últimas edicións foron Elena Menjón, Daniel Insua e Óscar Cadaval.

Os símbolos

A Festa da Dorna ten como símbolo a “Flor natural” que é un trevo de catro follas con fondo verde e fronte vermello. Nos primeiros anos era un caravel, pero xa dende mediados dos 50 utilizouse o trevo e entrégase aos socios da “Cofradía da Dorna” ou aos asistentes ao “Baile de Gala” como distintivo de calidade dorneira. A “Flor natural” faise en feltro para usar como insignia, pero aparece en todo o material impreso ou audiovisual de promoción da festa.
A bandeira dorneira leva a “flor natural” no centro da bandeira galega. Repártese a tódalas peñas participantes en cada edición da festa. “A poutada”, áncora tradicional, é unha pequena insignia de ouro ou prata coa que se distingue a aqueles e aquelas que se teñen significado máis durante varios anos no seu apoio á festa. Tamén hainas de madeira e pedra ou con deseños máis modernos para quen a queira colocar como adobío. A “Orde da Poutada” integraba a aqueles e aquelas que a recibiran pero sempre foi algo máis nominal que real. Estase a barallar a posibilidade de darlle forma.

A fala e a escrita dorneira

Se un le un “Caderno de bitácora” (programa da festa), os nomes das peñas, a publicación anual o día dos Santos Inocentes do xornal humorístico “La Vos de Jalisia”, a letra do himno ou das cantigas dorneiras de tasca, fácil é decatarse de que estase a empregar unha lingua propia da festa.

A fala dorneira caracterízase pola uso da fala popular cotiá das xentes de Ribeira, mestura da variedade dialectal do galego propio do bloque occidental (cheismo, gheada e seseo, etc), do castrapo produto da situación non normalizada da lingua galega e a situación de desvantaxe respecto do castelán durante séculos, e o uso dunha serie de palabras e expresións que o caracterizan como argot . Todo isto plásmase na escrita que se reflicte no Caderno de Bitácora dende o ano 1990 de modo xeral (ata esa data a lingua predominante era o castelán con algunha verba precursora do argot), establecendo o uso dos grafemas “J” e “S” en palabras que na fala exprésanse con gheada e/ou seseo. Así, escríbese sedo por cedo, ou ajora en vez de agora. Tamén conxúgase o pretérito da primeira conxugación como o da segunda ou terceira, así dise e escríbese xojín no canto de xoguei, ou falín en vez de falei. Polo demais séguense as normas da lingua galega na súa forma dialectal citada ou, as máis das veces, o castrapo, polo xa expresado antes, cunha mestura de normas e palabras de galego e castelán.

Destacar entre os redactores dos Cadernos de Bitácora e da publicación “La Vos de Jalisia” a Jandro Ayaso que incorporou o seu estilo “alejandrino” á “narrativa de bitácora” con celebrado acerto e corrosiva ironía. O argot ten como fío que lle da sentido o uso de termos e/ou expresións propios da fala mariñeira xunto con algúns outros que son “préstamos” doutros argots portuarios, uns e outros con significados cheos de dobre intención ou como metáforas festivas.

Algún termos e expresións do “dorneiro” son:

  • Peña.- Cuadrilla de xente en festa.
  • Sudadeira.- Suadoiro conmemorativo de cada singradura.
  • Pañoleta.- Trapo de tela coa cor propia de cada peña. Fundamental para a interpretación do himno dorneiro.
  • Flor Natural.- Flor en feltro con forma de trevo de catro follas con fondo verde sobre vermello. Símbolo da festa e distintivo dos confrades e/ou dorneiros/as.
  • Fanequeira.- Taberna, tasca ou establecemento hostaleiro. Ex. “Vou tomar uns juarisnais á fanequeira”.
  • Lonche.- Comida, tapa de fanequeira. Ex. “vou tomar o lonche á do Fijura”.
  • Lanse.- Suceso. Ex. “Ai que lanse! Non atopo a sudadeira, sejuro que deixeilla a aljún jodechincho e, dispensando, non ma devolveu”
  • Capacho.-Medida de capacidade ou cantidade dorneira de dimensións segundo conveña ao que a emprega e á situación. Ex. “Vas levar un capacho de labasadas como sijas sen pejar pancada ”.
  • Colloada.- Lío, barullo. Ex. “Deixa de armar colloada e lisca para a casa”
  • Juarisnai.- Bebida con xeo. Ex. “Bótame un juarisnai”.
  • Chinfrós.- Bebida sen xeo. Provén de “chín” (sen) e frost (frío). Ex. “Ajora prefiro tomar un chinfrós mellor que un juarisnai”
  • Fodechincho ou Jodechincho.- Lambón aproveitado. Turista ou bañista. Ex. “Deixa aljo para o resto que pareses un fodechincho”.
  • “Chea”.- Multitude de dorneiros e dorneiras de marea .
  • Fojete.- Relación sexual “a fume de caroso”. Ex. “Oes tí, imos botar un fojete?”
  • Enrolarse.- Asociarse á “Cofradía da Dorna” ou integrarse nunha peña. Ex. “Como fajo para enrolarme nunha peña se son jodechincho?”
  • Enjalanar.- Poñer adobíos á fanequeira.
  • Esparar.- Dar voltas no aire ao pano dorneiro mentres se interpreta o himno.
  • Boia.- Parvo. Ex. “ Deixa de andar todo o día aboiado de aquí para alá sen faser nada e bota un cabo coa carrilana”.
  • “Caderno de bitácora”.- Programa da festa ateigado de literatura “alejandrina”.
  • “Marea dorneira”.- Multitude de dorneiros/as e peñeiros/as indo dun sitio para outro coas súas cousas. Ex. “O 24 de xullo sobe a marea dorneira”
  • Dorneiro/a.- Socia ou socio da “Real e Ilustre Cofradía da Dorna”.Sinónimo: confrade.
  • Peñeiro/a.- Integrante dunha peña dorneira.
  • “Feito á machada”.- Algo feito con presa pero só ás veces rematada con xeito. Ex. “ A vosa embarcasión feita á machada quedouvos moi lusida”.
  • “Botar un cabo”.- Axudar. Ex. “Bótame un cabo co enjalanamento da fanequeira e convídoche a un juarisnai”.
  • “Pareses de La Puebla”.- Expresión de rexeite ou para referirse a alguén sen moito siso. Ex. “Non pejas pancada, pareses de La Puebla”
  • “Botar o palanjre”.- Intentar ligar. Ex. “Botinlle o palanjre a un jodechincho pero nada, paresía de La Puebla”
  • “Arriar a xarda”.- Pagar. Ex. “ A ver eses dous! Que non todo vai ser de balde, hai que arriar a xarda para faser as cousas da peña”.
  • “Xa está quente”.- Rexeitar un juarisnai ou pedir outro.
  • “Non me lies o palanjre”.- Non andar a tolear. Ex.”Déixate de parvadas, boia; non me líes o palanjre e fai aljo”.
  • “A pan de millo”.- O pan de millo é o combustible dorneiro. Ex.”tivemos que navejar a pan de millo”
  • “Non me toques o bitoque”.- Non me molestes.
  • “Botar o risón”.- Entrar nunha fanequeira. Ex. “Botamos o risón na fanequeira dos Ratos e tomamos uns juarisnais?”

O himno da Festa da Dorna

Na L Singradura, ano 1998, estréase o Himno Dorneiro, peza musical composta e interpretada por “Os Diplomáticos de Montealto” e a banda de gaitas “Ancoradoiro” a partir dunha letra de Santi Páramo. A peza é xa un clásico da Festa . A súa interpretación pola marea dorneira “esparando as pañoletas” e acompañando ao grupo musical que pecha o Consertaso de fin de festa é de gran emotividade.

“24 de Xullo”

O vintecatro de xullo

chejou a chea a Ribeira

enchendo rúas e prasas

sobe a marea dorneira.

Bota o risón compañeiro

coa dorna aparellada

e se non cheja cun cabo

fondea coa poutada.

RETROUSO (móvense os panos no aire mentres se interpreta)

Forsa á Dorna! Vento en popa!

Con jalerna ou en calmada

que non se sabe no mundo

doutra festa máis rachada.

Forsa ás peñas dorneiras,

a mellor tripulasión

esparando as “pañoletas”

ao son do acordeón.

(Bis)

Xa neste lanse ,dorneiros!

comesen as cantareas

imos jañar o quiñón

de troula nas fanequeiras,

e se o mar ponse bravo

larjaremos na mar brava

as nosas embarcasións

feitas todas á machada!

RETROUSO (móvense os panos no aire mentres se interpreta)

O financiamento da festa

Para facer fronte ao programa festivo a A.C. “R.e I. Cofradía da Dorna” creou a sección de merchandising encargado de deseño e venda directa de produtos orixinais dorneiros. Para a creación dalgúns deses produtos cóntase cos obradoiros ocupacionais das asociacións AMBAR e A CREBA realizando unha labor de apoio mutuo. Para outros cóntase con deseñadores e artistas locais. A asociación ten rexistrado o trevo dorneiro, a “flor natural”, que se utiliza como indicativo de produto orixinal. Parte dos fondos obtidos polo merchandising van destinados ás asociacións citadas. Lidia Fernández, Ramona Bello e Pili Fandiño, xunto con outros e outras, teñen aportado o dotar dun alto nivel na xestión a esta sección nos últimos anos.

O tradicional “Chirinjito Dorneiro”, típica cantina das festas, no que colaboran as peñas na súa atención, é hoxe por hoxe unha fonte secundaria de ingresos orientando os esforzos á obtención de máis apoios por parte de outros sectores como:

  • As apartacións da hostalería, o comercio e a industria local.
  • As institucións públicas como o Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.
  • Grandes empresas do sector da industria alimentaria.

As aportacións dos socios e socias destínanse a dotar de equipamentos á Asociación para que podan ser utilizadas tanto en actividades festivas como diversas iniciativas ao longo do ano. Eses equipamentos tamén póñense a disposición dos asociados ou doutras asociacións seguindo unha filosofía colaborativa.

A promoción cultural e o labor social solidario

Dende o ano 1952 a Festa da Dorna cumpriu unha importante labor social concretada en doar unha ou máis dornas cada ano a pescadores con poucos recursos. Coa mellora da situación económica a finais dos sesenta e nos setenta, así como debido a normativas limitadoras para a matriculación de embarcacións para pesca artesanal, dende finais dos setenta esa labor foi variando, aínda que mantendo nalgúns anos a entrega de algunha dorna. Máis de medio cento dornas foron dadas a outros tantos pescadores naqueles anos.

Xa no Caderno de Bitácora do ano 1977 pode lerse “Somos conscientes de lo anacrónico que es hoy el sorteo dornas entre los necesitados (…) Desde hace unos años los afanes de esta Cofradía están orientados a la consecución de ese sueño que es el Parque Natural de Sta Eugenia de Riveira”, con ese mesmo espírito retomouse no 1988 no “Top Secret” a crítica pola quita de area das dunas de Olveira e a reivindicación da súa protección, variando o enfoque social solidario a cuestións de índole ecolóxica e cultural. Esa DIMENSION MEDIO AMBIENTAL tense hoxe moi en conta procurando que a Festa sexa ecoloxicamente respectuosa coas contornas naturais e urbanas onde se desenvolve, procurando mellorar en aspectos implícitos a calquera festa mediante iniciativas para a redución do lixo, diminución de ruídos e, en xeral, limitación das molestias ás persoas.

No 1991 coa legalización da A.C. “R.e I. Cofradía da Dorna” o obxectivo foi tamén A PROTECCIÓN E DIVULGACIÓN DA CULTURA MARÍTIMA relacionada coa embarcación que da nome á Festa. Así emprendeuse a recuperación da dorna xeiteira e despois da dorna da clase “nai”, participouse representando a Galicia coa dorna xeiteira “Virxe do Carme” na 1ª Festa da Cultura Marítima Brest 92 e, ao ano seguinte, promoveuse xunto con outras asociacións aos 1ª Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia que tiveron por sede Ribeira no 1993 a semana anterior á Festa, e nese ano participouse na fundación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, así como organizáronse ao longo dos anos distintas exposicións e outras actividades de divulgación e promoveuse a Escola de Vela.

Será entrado o segundo milenio cando se comecen a facer actividades para recadar fondos para apoiar iniciativas de entidades con fin social e no 2015 créase o FONDO SOLIDARIO DORNEIRO co asesoramento das Traballadoras Sociais das distintas entidades e institucións de Ribeira. Para ese fondo fanse dende a asociación distintas actividades como: Nadal Dorneiro Solidario, Cea Solidaria das Peñas Dorneiras e o torneo de fútbol sala para equipos de nenos e nenas “Copa da Jalaxia”. Cos recursos conseguidos apóianse programas concretos coas asociacións AMBAR de persoas con diversidade funcional e A Creba en pro da saúde mental, así como facilítanse recursos a particulares en perigo de exclusión social.

Tamén se colabora coa Asociación Renacer en campañas de prevención de enfermidades de transmisión sexual e a favor do consumo responsable durante a Festa.

Colaboran

Himno Dorneiro

Nós somos de Boas Prácticas

Boas Practicas

Canal Youtube

CONCIERTOS | DORNA 2023

Colabora con nós:

IMG-20170725-WA0043 Diputación da Coruña

Escaparate Dorneiro