Para explicar a construción da dorna “NAI” da Real e Ilustre Cofradía da Dorna temos que facer referencia á fascinación polo mar e as lembranzas dos nosos pais e avós e da nosa propia infancia.
Os recordos das chegadas das dornas NAI a Ribeira nas súas regatas ou saídas pola ría, dos contos sobre “as embarcacións dos señoritos de Vilagarcía”, de como “contrataban” a mariñeiros da zona porque eles coñecían mellor os baixos e as correntes, os ventos propios de cada ribeira da ría como “tácticos” ocasionais.
Os recordos de neno daquelas embarcacións “de paseo” que algúns tiñan visto fondeadas nos peiraos ou navegando polas costas das Rías Baixas. Ou os recordos, máis próximos, desas mesmas embarcacións morrendo en ramplas ou podrecendo abandonadas nas xunqueiras.
Cando iniciamos está marabillosa historia da recuperación da nosa historia marítima e cultural , cando botamos a “Virxe do Carme”, a nosa primeira dorna xeiteira, só tiñamos as “Nai” como un recordo afastado dun pasado que xa morrera. Pero sempre hai unha faísca que renova o lume…
Quen nos coñece, sabe que nas nosas “sinjraduras e raites” gustamos de visitar portos irmáns e practicar “antropoloxía cultural”, o que poderiamos definir como coñecer a gastronomía e a enoloxía dos portos que visitamos. É un dos lugares nos que amarramos é o porto de Vilagarcía, e alí, nun bar do porto que sempre visitabamos, quedamos engaiolados coas fotos antigas das dornas NAI. Aí comezamos a quedar atrapados coa fasquía daquelas embarcacións.
A quen nos gusta navegar pola nosa ría de Arousa, sempre temos ollos para escudriñar a nosa costa, atopar novos fondeadoiros, novos lugares ós que chegar. E nos litorais, nos portos, nas xunqueiras… proliferaban (e proliferan) decenas de embarcacións abandonadas e a piques de morrer. E nós que temos o “virus” das embarcacións tradicionais sempre temos ollos para eses barcos abandonados.
Decidimos investigar sobre as dornas NAI. Preguntamos no porto, nos bares e nos “mentireiros” vilagarciáns. Fomos de porta en porta, onde nos dixeran que podiamos atopar información. Deste xeito coñecemos que a “NAI” dos Carús estaba en posesión dun camioneiro de Vilagarcía. Falamos con el e nos informou que a dorna estaba no taller dun carpinteiro para ser reparada. Quixemos vela e prometémonos achegarnos á carpintería nunha vindeira visita.
Pero chegamos tarde. O único que puidemos atopar da dorna “Nai” construída polos irmáns Carús de Vilagarcía, foron as súas madeiras desfeitas para ser usadas como leña.
O carpinteiro contounos que fora imposible recuperar a dorna, xa que nunha reparación anterior tomárase a decisión de revestir a embarcación con poliéster, o que fixera que apodrecera a estrutura de madeira.
No medio da desilusión, decidimos salvar o posible. Mercamos o lastre de chumbo que usamos na nosa “NAI” (300 quilos), o motor diesel “Solé” de 9 CV do ano 1973, o foque e a vela maior que levaba o distintivo da clase “Nai” (unha gaivota vermella) co número 1 que identificaba á “Nai” dos Carús como a primeira da súa clase e a documentación da embarcación. E durante moitos anos navegamos con esas velas e montamos o “Solé” intraborda ata que morreu de vello.
Nunca abandonamos a nosa teima polas Nai, e foi na nosa propia casa onde atopamos o “Santo Grial” . Na rampla do antigo varadoiro do porto de Ribeira había un casco dunha dorna Nai en estado terminal. Estaba varada co casco “quilla arriba” e soubemos que ía ser retirado por orde de Portos de Galicia. Preguntando soubemos que o seu propietario era un mariñeiro de Castiñeiras (agora xa finado) que nos contou que a embarcación fora abandonada despois dunha reparación frustrada da quilla que motivou múltiples vías de auga. Aquela Nai contounos que era a “TAMBO”, a décimo sexta dorna nai construída para Cayetano Pumariño como soubemos despois cando atopamos o listado de construción das dornas Nai.
E así como quen atopa un canciño abandonado pola rúa e decide adoptalo, nós acubillamos aquela vella embarcación. Liámonos a manta á cabeza e conseguimos a súa cesión. O mastro non puidemos aproveitalo porque fora reconvertido para aparellar unha vela marconi.
Collemos un transporte e fomos onde a carpintería de Domingo Ayaso en Aguiño para pedirlle se nos deixaba un lugar na súa finca, detrás da súa carpintería, para depositar aquela NAI ata ver que podiamos facer con ela.
E alí quedou ata que o noso desexo por recuperar aquela Nai e que volvera a navegar pola ría de Arousa, levounos á retomar o tema unha vez conseguida a financiamento que puidera permitir aquel soño. Lamentablemente a dorna era irrecuperable e a súa reconstrución imposible. Despois da decepción, unha nova faísca fixo renacer o lume: Ayaso construiría unha réplica baseándose naquel esqueleto dorneiro.
Como o tamaño da embarcación era o máis grande que ía saír da súa carpintería, Ayaso elixe un alboio na parte de atrás da súa carpintería, e próximo ó casco da dorna, como o lugar onde construiría a nosa dorna nai. E alí foi nacendo e crecendo un soño.
Naqueles anos os subministración naval para embarcacións tradicionais na nosa terra estaba en cueiros: tivemos que encargar as pastecas e parte do material dos aparellos a Barcelona. O mastro foi feito dun tronco que apareceu aboiando no mar máis alá de Sálvora e foi recollido por mariñeiros de Aguiño por ser un perigo para a navegación. Ayaso tivo noticia delo e recolleuno para tal fin. A día de hoxe, ignoramos o tipo de madeira do que está feito.
No ano 1994, botouse ó mar a dorna bautizada como “NAI”, en homenaxe a aquela dorna que non puidemos salvar e que terminou os seus días esnaquizada como leña. Aquela dorna que deu nome á única tipoloxía integramente galega recoñecida como “clase” a nivel estatal.
Nun principio navegamos coas velas orixinais da “NAI” ata que o algodón non dou máis de si e tivemos que encargar ó mestre veleiro Ramón Albert, a fabricación das novas. Eliximos un material que non había aquí despois de ver as velas de moitos barcos nas nosas viaxes a Bretaña e Ramón tivo que pedir o material a Escocia.
A cuberta de piñeiro do país tivo que ser cambiada integramente por outra de madeira de teca ao ser atacada por un parasito da madeira.
Dotamos á “NAI” dun mascarón de proa baixo o bauprés, obra do escultor ribeirense afincado en Mallorca, Gonzalo Sarasquete.
A “Nai” participou por primeira vez nos III Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia realizados no Grove (1997), sendo participante habitual deste tipo de actos organizados pola FGCMF.
A día de hoxe, a “NAI” segue a ser a dorna-insignia da Escola de Vela da Real e Ilustre Cofradía da Dorna de Ribeira.
Este contido foi escrito por Antonio Domelo para Asociación Cultural R. e I. Cofradía da Dorna.