Menu

A Festa

Actividades

Actividades máis significativas do período que vai dende 1948 ata 1987

Baile da Dorna ou Baile de Gala

Sen dúbida, a actividade máis relevante ata a creación das “peñas dorneiras” foi o Baile da Dorna” que na súa primeira edición en 1948 organizouse baixo a fórmula de “asalto-baile” (baile con música de tocadiscos) na cafetería “La Granja”.Será a partir do 1949 que se celebre con dúas ou máis orquestras na Sala de Festas Cambeiro ata finais dos setenta. Nos oitenta na sala Cambeiro transformada en discoteca, Discoteca Primera Línea, no campo de fútbol de “A Fieiteira” e finalmente no Círculo Mercantil.

Dende os 50 o baile denomínase “Baile de Gala”, aínda que non sempre, por exemplo con motivo do 20 aniversario chamouse “Baile do aniversario”. A maioría dos asistentes coñecíano coma ”o baile da Dorna”. Compre non entender o de “Gala” en sentido literal por canto a ironía é o eixe no que xiran case todas as actividades. Os requirimentos na vestimenta non ían máis alá de entrar con garabata, aínda que despois non había que mantela posta todo o baile, ou non entrar con pantalón vaqueiro en tempos que este se asociaba con roupa demasiado informal. O certo é que aínda que era unha data que algunhas mozas aproveitaban para facer a “posta de largo”, a semellanza con ese tipo de eventos era pouca en canto a formalismo e ambiente festeiro.

Dende as ducias da primeira edición ata os 1500 asistentes de finais dos setenta, o baile foise consolidando como un evento importante na bisbarra naqueles tempos. Durante a ditadura era unha data na que se podía estar de festa dende as 24:00 ata as 6:00, o cal animaba a asistir como celebración nunha especie de “baile de fin de ano” no verán. Dende finais dos setenta, primeiros dos oitenta, o baile caeu progresivamente en decadencia, recuperando certa vitalidade dende o 89 e nos noventa , e continuidade a partir do novo século pero sen ter a relevancia doutros tempos. Nos primeiros anos das peñas eran “Os polbos do Vilar” os que levaban o peso da organización. No 2015, xa como cea baile, congregou a máis de cincocentas persoas no Salón de Eventos ”Baiuca”.

A admisión de novos confrades, os Exames de Patróns

Co obxecto de admisión de novos e novas “cofrades” á informal “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna”, era tradicional a realización dun exame, en clave humorística, que non sempre recibía ese nome e no que era indispensable subornar ao tribunal. O exame tiña un slogan relacionado con algún tema de actualidade e con sinxela pero efectiva ambientación segundo acordasen: o cine, o programa “Un, dos,tres responda otra vez” ou o descubrimento de América. Como gran examinador hai que citar a Julio Bravo, “o que ía para químico e que acabou en cómico” como el mesmo dicía, ou “o rei do chiste rápido” como acertadamente foi cualificado por Antonio Novo na obra Ilustres Anónimos.

Top Secret

Non sempre se chamou así, pero dende o do foguete 1-X-2, a comezo dos sesenta en plena carreira espacial e crise dos mísiles na guerra fría, o “Top Secret” era a habitual maneira de chamar a unha actividade de rúa que parodiaba algún acontecemento relacionado coa actualidade e que o dalgunha maneira envolvíase no misterio ata a súa realización. O primeiro tivo por tema unha parodia do descubrimento de América no 1949.

As principais actividades dende 1988 ata a actualidade

As actividades citadas anteriormente seguen a celebrarse na actualidade con distintas remodelacións: O “Baile de gala” non é o 24 de xullo, senón días despois. O “Exame de patróns” é para a admisións de peñas no que o que se examina é o candidato ou candidata a patrón ou patroa de cada nova peña. O “Top Secret” é unha actividade multitudinaria, máis de 4000 participantes na última singradura, na que participan todas as “peñas” nun desfile pasa corredoiras no que, ao tempo, faise crítica e parodia dun feito de actualidade local ou xeral. No “Top Secret” é onde pode verse toda a dimensión da “marea dorneira” o 24 de xullo polo serán.

Dende 1989 foron engadíndose novas actividades de participación que fan da Dorna un dos maiores e máis orixinais eventos festivo populares de Galicia. As protagonistas en todas elas son as Peñas Dorneiras que non só compiten amigablemente entre elas, senón que tamén elas colaboran na súa organización. Deste xeito espectáculo e participación sintetízanse nunha das meirandes festas populares de Galicia.

Deseguido refírense as principais indicando o primeiro ano en que se realizaron tendo todas continuidade dende aquela data. Tamén se sinala o día do mes en que normalmente se celebra, o lugar ou lugares principais do evento e hora de inicio.

Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo. Jran Premio Cuttre Sark

Dende 1989. Saída do porto de Ribeira e regata na Praia de Coroso. 24 de xullo ás 12:57 h.Teñen destacado pola orixinalidade embarcacións construídas polas peñas “Kirie Eleisón”, “Non me líes o palangre”, “Os Berberechos asasinos”, “Os pintos joden quintos”, …

Serimonia de Inisiasión

Dende 1990. O primeiro día da Festa fanse actividades nas propias peñas para valorar as “aptitudes dorneiras” dos novos e das novas peñeiros/as. Ultimamente tamén se inclúe unha actividade de inicio da Festa a cargo de pregoeiro destacado.

Sertame Itinerante de Cansión de Tasca

Dende 1990. Trátase de facer un percorrido por distintas “fanequeiras autorisadas” interpretando canda peña, cando menos, unha cantiga tradicional e outra orixinal. Sábado anterior ao 24 de xullo, agás se cae en 23 que se celebra o sábado anterior a ese. Final en palco ao aire libre o 23 de xullo. Horario de día das fanequeiras, dende as 21:03 atas as 00:33; a Final ás 21:04 o día 23. Algunhas peñas memorables foron ou son “Berberechos Asasinos”, “A miseria dos tallantes”, “Os ratos da Illa”, “Muxo beti”, “Estou que eskacho”,…

Jran Prix de carrilanas

Dende 1990.Exposición de carrilanas no porto dende as 17:18 . Saída do “Alto da Mámoa” ata a praza do Concello , ás 20:19. Domingo anterior ao día da Dorna. Importa máis o bo humor e a orixinalidade que a velocidade. Moi celebradas as carrilanas de “Os Ratos da Illa”, “Boy de putas”, “Pinto, pinto jorjorito”, “Caracolas en Sirolas”, ”De rape mental”, “Comando dorneiro” …

Enjalanamento de Fanequeiras

Dende 1990. As “fanequeiras” , locais sociais das peñas, normalmente establecementos de hostaleria,decóranse polas peñas o primeiro día da festa, o venres anterior ao día da Dorna. Ollo, os “enjalanamentos” poden verse dende as 18:03 pero a maioría ás 22:08 xa desapareceron, unha mágoa porque hainos de moito mérito. Teñen destacado “As parrochñas da ría”, “Atún ao tun tún”, “Asedías que non sarjo”, “Os tabeiróns Caralludos”, “Arría o jallo”, “Estou que Eskacho”…

Jran Premio Ícaro de Vó sen Motor

Dende 1991. Porto de Ribeira. 23 de xullo. Dende as 19:27. Dende o espigón portuario ocorrentes aparellos voadores e destemidos peñeiros e ousadas peñeiras tratan de vencer a lei da gravidade o maior tempo posible ata amarar nas augas da dársena. Teñen destacado “Arría o jallo”, “Caracolas en Sirolas”, “Muxo beti”, “Os Pintos joden quintos”,…

Romaría das Peñas

Ten como antecedente as sardiñadas que se celebraban o 24 de xullo no Campo da Feira ata os anos noventa, despois optouse por facer unha Romaría das peñas que da comezo no merendeiro da praia de Coroso ao remate da “Rejata de Embarcasións Feitas á Machada”. Na Romaría Dorneira cabe destacar o Campionato Mundial de Chin Chi Monis que é unha cita obrigada dende a segunda metade dos anos setenta. 24 de xullo. Dende as 14:37.

Xojos Dorneiros

Dende 1989. Distintos xogos ideados polas peñas que se celebran o 24 de xullo, cando a Romaría, ou nos días dos xogos populares de mar e terra. ”Isar a candorca”, “Lansamento de risón”, “Achikeitor” ou “Pesca do muxo radioactivo” son algúns dos xa tradicionais.

Encontro dos Xojos Populares

Dende 1990. Máis de medio cento de xogos populares de terra e mar celébranse en dous días da Festa. Os de terra na praia de Coroso o sábado anterior ao día da Dorna, e os de mar o 23 de xullo no porto. Dende as 16:24.

Jran Juateque Dorneiro

Dende 1995. Recolle a tradición do primeiro Asalto baile do 1948. No 95 realízase como medio de financiamento para a festa. Hoxe é un evento multitudinario e de balde que se realiza nos dous últimos anos en varias prazas de Ribeira, despois de ter distintas localizacións noutros anos, sempre con masiva afluencia de xente. O primeiro destas características celebrouse no local do Restaurante “Santa Eugenia”, na rúa do mesmo nome.

Maratasón

Dende 1998. Conxunto de probas disparatadas por equipos nos que se conxugan habilidade, velocidade e resistencia, na que debe facerse un duro percorrido por distintas “fanequeiras”. Importante a colaboración para superar as probas. Un dos días da festa a partir das 19:51. Rúas de Ribeira.

Macroqueimada.

Dende o novo século. Actividade que está na actualidade remodelándose como” noite do lume” con actuacións específicas e fogos artificiais. “As lampreas máis preas” é a peña que xa por tradición organiza a queimada. Habitualmente o 22 ou 23 de xullo partir das 23:01.

Escaparate Dorneiro

Himno Dorneiro

Descargar

Canal Youtube

Festa da Dorna 2017

Así foi a 69 sinjladura da Festa da Dorna

EVENTOS:

Non hai evento

Colabora con nós:

IMG-20170725-WA0043 Diputación da Coruña

Escaparate Dorneiro